15-04-2020
Era grande a expectación que a finais de Julio de 1960 había en Chantada con motivo do asasinato na sua adega «dos Muiños» de Nogueira de Antonio Sampayo Moreira, pero a sorpresa era aínda maior debido a que o asasinato fora cometido precisamente pola súa muller Isaura (os dous coñecidos en Nogueira como o «chinchirin» e a «chinchirina»).
Os rumores sobre o asasinato pronto se dispararon, e recordo que había varias versións do mesmo, sendo a máis escoitada a de que Isaura introducira ao seu marido nunha cuba e a fixera rodar pola empinada costa que separaba a adega do río Miño.
Os movementos da garda civil eran contínuos e conservo aínda na miña memoria a imaxe da muller conducida dentro dun Land Rover da Garda Civil ao cárcere de Chantada.
Agora, despois de pasados 60 anos, é un milagre que poidamos recuperar a noticia que recollía con todos os seus detalles o diario de Lugo «El Progreso», na que nos podemos facer idea da intrincada estratexia urdida por Isaura para matar o seu marido, digna da mellor novela de intriga.
