Onte, día 23 de febreiro (23 F), cruzando o Paseo de Recoletos de Madrid á altura da Biblioteca Nacional, non me encontrei coas sereas da policía nin cos controis da Garda Civil, nin xiquera cos vehículos militares que eu e a miña dona nos encontraramos cando paseabamos por aquela zona aquela fatídica tarde de 1981. Encontreime cun chantadino, representado pola expléndida escultura do noso paisano Manuel García de Buciños, encargada polos libreiros españois para dedicar «AO LIBRO Y AOS SEUS CREADORES». Cada vez que a contemplo, esta escultura me reconforta e me enche de orgullo, non só como galego, senón como oriúndo da Terra -con maiúscula- de Chantada, á que freguesía de San Miguel de Buciños aínda que perteciente ao municipio de Carballedo sempre estivo vinculada sentimentalmente e á que pertenceu administrativamente ata que a mediados do pasado século XIX se crearon os actuais concellos.
![]() |
De Buciños |
Teño unha visión global do pobo de Buciños cando por aquela época o meu pai exercía de mestre na escola de nenos -por entón tería eu uns cinco anos-. O camiño que ía á Barrela sempre ambarrado, a nosa casa da praza coas súas escaleiras exteriores e co corredor de pedra, o cruceiro impecable no centro da praza de terra, o cemiterio exento da igrexa, a igrexa coas reixas de ferro para impedir a entrada dos cans e a reitoral da igrexa aínda en pé ou, por último, a escola do meu pai, situada a uns 200 metros da nosa casa son os recordos máis claros.
Pero ao mesmo tempo veñen á miña memoria como refachos outros recordos de nenez moito máis fugaces.Como cando o meu pai me traía na súa bicicleta polo camiño real que unía A Cuqueira con Buciños e a lúa perseguíanos sen abandonarnos nunca. Ou cando na entrada da nosa casa situada na praza do pobo se oía o renxer da súa cancela de ferro. Aínda teño gravadas na miña memoria as actuacións nas festas do payaso»BARRIGA VERDE» ou as probas de son realizadas cos altavoces que as amenizaban -San Miguel ou de San Pegerto, é igual- e que, instalados no corredor de pedra da nosa casa, repetían unha e outra vez monótonamente «UN, DOUS TRES, AQUÍ RADIO PÉREZ, SANTO DOMINGO OURENSE».
O meu pai levábame con el á escola e ensinábanos con aquela dedicación especial as principais regras da lectura e escritura ou os rudimentos das matemáticas. O respeto paternal que os alumnos lle tiñan era excepcional. Cando nos recreos mostraba aos máis pequenos os minúsculos xoguetes de corda que tería comprado para eles na capital, ou cando lles ensinaba aos maiores os efectos do sol atravesando o cristal dunha lupa.
Pero volvendo a Buciños, o último dos meus recordos é o dun tal Manolito, o do fillo dos nosos veciños. Este Manolito,que se non me equivoco, debe tratarse do escultor Manuel García de Buciños que eu non teño o gusto de coñecer, pero ao que dende esta páxina dedico unha homenaxe moi sincera e a miña felicitación por poder situar unha escultura con tanto simbolismo nada menos que na Corte da nación, una escultura que tanto nos representa a todos os chantadinos. Tamén ó concello de Carballedo, que así o entendan tamén os seus veciños.
ENLACES:
03-03-2020 «Diario de artista», exposición retrospectiva de Buciños.