7-10-2015
Todos os lingüistas admiten que o topónimo galego terminado en -ulfe procede do germánico wulf que significa lobo. Na maioría dos casos vai unido a outra palabra que expresa pertenza ou propiedade. É dicir, que son antropónimos (nomes propios de persoas) germánicos que chegaron a nós a través do xenitivo latinizado, p.e. wulf latinizado ulfus, transfórmase en xenitivo en ulfi que se abre a ulfe. Sobre esta forma xenitiva xorden os nome Adaúlfe de Adaulfo, Villaguillulfe [vila] de Viliufus, Gondulfe de Geodulfus, etc. que nos indican que estes lugares pertenceron a unhas persoas determinadas cuxo nome terminaba en -ulfe.

Máis problemática para os lingüistas é a do topónimo Ulfe illado, do que aparecen dous casos nas parroquias de Vilauxe (Ulfe) e San Pedro de Viana (Axulfe), que non se poden considerar directamente antropónimos xa que parecen vir directamente de Wulf.
Esta abundancia do topónimo -ulfe na nosa bisbarra lévoume a pensar na especial relación deste nome cos dos lugares mesmo onde se produxeron no ano 1880 os ataques dos lobos rabiosos que oucasionaron numerosos mortos por hidrofobia[1]. Ou cando rememoramos vellas historias como a que a inda recordo do enfrontamento na década dos cincuenta e sesenta do século pasado da miña tía Aurora cos lobos na Cuqueira cando ambas as partes disputábanse unha misma ovella ou, en fin, o frecuente avistamento dalgunha manada merodeando nos montes da nosa parroquia.
Sobre o ataque dos lobos hidrófobos hai que lembrar que foi o 6 de Agosto de 1880 cando apareceron as primeiras noticias nos diarios provinciais que nos informaban de que “uno de estos días” entrara un lobo en “un pueblo” de Carballedo, que atacara ao gando e ferido a algúns nenos, “llevándose en la boca al más pequeño”. “Después” ferira a un veciño de Nogueira “y a otros más”, reuníndose varias parroquias para dar morte ao animal. En ningún momento falouse de rabia ou hidrofobia.
Grazas á publicación o 14 de Agosto de 1880 no “Diario de Lugo” da carta enviada por por Joaquín Otero informábasenos puntualmente de que foran atacados 20 veciños de Santa Eugenia, Villardamos e Villaguillulfe e de que un dos veciños feridos en Nogueira fora enterrado o día 13 de agosto, momento en que a xente decatouse da existencia de casos de hidrofobia na comarca de Chantada[2].
Pero fora na noticia publicada no “Diario de Lugo” o 23 de Xaneiro do ano de 1881 por Don Manuel Cedrón (baixar noticia en formato .PDF) onde se nos narraban os feitos con total precisión e claridade, resumindo os datos nun cadro, que nós reproducimos mais abaixo, onde se recollen de forma sistemática as datas, lugares e persoas afectadas, e explicando os feitos con todo o rigor científico dada a súa condición de prestixioso médico e subdelegado de sanidade, co que colaborou o seu fillo Don Mariano, tamén de grato recordo para os chantadinos.
A noticia de Don Manuel Cedrón decía en síntese que o día 24 de Xullo de 1880 presentárase nos lugares de Trasar de Carballo (parroquia de Cartelos) e Trasar de Sabugueiro (parroquia de Buciños) pertencentes ao municipio de Carballedo unha loba de gran tamaño que mordeu a cinco indivíduos e a varias cabezas de gando.
O día 26 de Xullo apareceu no monte da Bacariza, parroquia de Nogueira e municipio de Chantada. De alí marchouse aos lugares de Sambreijo e Cambillán (Carballedo) onde atacou a catro persoas e a algúns gandos, retrocedendo despois ao citado monte. Perseguida por varios homes ata o lugar de Sernande non lograron atopala. Cando Francisco Fernández regresaba á súa casa de Vilaúxe por sentirse indisposto foi atacado ocasionándolle multitude de feridas, o mesmo que a tres persoas máis.
NOMBRES | EDAD | FECHA | FECHA |
en que fueron mordidos | en que fallecieron | ||
Carmen Gonzalez | 15 | 24-7-1880 | |
Josefa Rogueirro | 20 | 24-7-1880 | Vive |
José Lopez | 40 | 24-7-1880 | Vive |
Candida Lopez | 13 | 24-7-1880 | 8-11-1880 |
Manuel Lopez | 10 | 24-7-1880 | 13 Octubre, muerto en Portugal. |
Estéban Gonzalez | 7 | 26-7-1880 | 27-8-1880 |
Jesçus Mazaira | 7 | 26-7-1880 | 27-8-1880 |
Teresa Mazaira | 7 | 26-7-1880 | 11-8-1880 |
Santos Vazquez | 28 | 26-7-1880 | Vive |
D.Francisco Fernandez | 23 | 26-7-1880 | 11-8-1880 |
Francisco Gonzalez | 23 | 13-8-1880 | 21-8-1880 en el hospital de Orense. |
Manuel Guerra | 48 | 14-8-1880 | 31-8-1880 |
Angela Carballo | 23 | 14-8-1880 | 31-8-1880 |
Miguel Lovelle | 73 | 14-8-1880 | 1-9-1880 |
Ramon Lopez | 11 | 14-8-1880 | 9-9-1880 |
Andrés Guerra | 63 | 14-8-1880 | 22-10-1880 |
José Vazquez | 14 | 14-8-1880 | Vive |
Francisco Varela | 14 | 14-8-1880 | 20-10-1880 |
Generosa Guerra | 12 | 14-8-1880 | Vive |
Doña Maria Josefa Sanchez | 40 | 14-8-1880 | Vive |
O día 13 de Agosto, cando Francisco González regresaba da igrexa parroquial de Nogueira, onde asistira aos funerais por Francisco Fernández, morto de hidrofobia, viuse atacado tamén no monte da Bacariza, recibindo multitude de feridas.
O 14 de Agosto, outro lobo rabioso, ou talvez o anterior, mordeu en Santa Eugenia e Santa Cruz (Chantada) a seis persoas. Despois dirixiuse a Villaguillulfe (Carballedo), onde atacou a outros catro e logo continuou a Lama de Fente (Santa Cristina) onde atacou a José Lopez Jorge que, auxiliado por outra persoa, matouno.
Explícanos o mesmo Don Manuel Cedrón no seu artigo que tratou de buscar en balde unha regra común a todos os afectados, pero non puido establecer ningún principio fixo que explicase o tempo que tardaba o manifestarse a enfermidade, ou os prazos de desenvolvemento da mesma, a non ser que curiosamente observou unha menor incidencia no sexo débil, pero que segundo el mesmo conclúe poido ser unha simple casualidade.
Para concluír dicir que o mesmo ano de 1880 Pasteur comproba que é posible protexerse das enfermidades infecciosas mediante a inxección de xermes atenuados (vacúas), e en 1885 aplica o seu tratamento ao mozo Joseph Meister, quen estuvera exposto ao virus da rabia, e sálvao. Só nos 15 meses seguintes máis de 2.500 vítimas de mordeduras de cans rabiosos foron tratadas da mesma maneira.
¡Que lástima!.
[1] Sobre os ataques dos lobos hidrófobos pódese consultar a magnífica crónica de Alfredo Pardo na Voz de Galicia.
[2] A noticia salta entón aos medios nacionais. Reproducimos aquí a recollida o 23 do mesmo mes de Agosto polo prestixioso diario “La Veu de Catalunya”, que resume os feitos dicindo: “Hidrofóbia.- En Chantada, provincia de Lugo, á últims del mes passat hi han hagut un gran número de víctimas de la hidrofóbia causadas por llops y llopas. En Carballedo varias personas y moltos caps de bestiá foren mossegats per una llopa rabiosa, á la que lograren matar després de llarga persecució, no sens que mossegués avans á duas personas del poble de Nogueira, una de las quals, Francisco Fernandez, després de quinze dias d’horrorosos sufriments morí, conservant los coneixements fins al últim moment. Altres dos individuos dels mossegats están en grave perill. Molts foren los cassos de que’s tingué noticia durant alguns dias. Mes tart un llop rabiós, en la montanya de la Bacariza, escometé á un vehí de Villauge que venia del enterro del jove Fernandez, desfigurantli la cara. Se creu que es lo mateix llop, mes probablement serán varios, que han caixalat á unas vint personas de Santa Eugenia, Villardamos y Villagillulfe. Ademés hi han hagut alguns cassos de gossos rabiosos per aquells voltants. Los pagesos se tancan á casa seva ab sos remats y ningú s’ atreveix á passar per cap camí.Lo gobernador de Lugo ha rebut una exposició demmanant l’ envio de forsas del exércit. Lo gobernador n’ ha donat compte al ministre de la Gobernació habentse pres ja algunas midas.”
Enlaces: