UN TAL PAULINO DE CHANTADA «QUE ERA MASÓN».

15-10-2021

«Un tal Paulino Suárez que era masón». Así tiven eu as primeiras noticias doutro chantadino ilustre, e do máis alto nivel, que foi o médico e investigador Paulino Suárez, natural da Nogueira ( Cicillón, Taboada).

Paulino Suárez nacera en 1884, era médico e fillo de Ramón Suárez, tamén médico. Un dos seus irmáns, chamado Dimas, exerceu tamén a medicina sucedendo ao seu pai Don Ramón.

Paulino Suárez

Eu oín falar de Paulino por primeira vez alá pola década dos noventa do século pasado a un parente da miña muller chamado Carlos Zozaya, tamén médico e investigador (parasitólogo), que me preguntaba se oíra falar del tal Paulino de Chantada “que era masón”.

Eu non coñecía naquel tempo a ningún Paulino e menos que fose masón –ao único que coñecía con aquel nome era a Paulino Mariño, invidente e pai de Margarita Mariño, que tivera unha librería na rúa de Formoso Lamas de Chantada-, así como aos tristemente lembrados Paulino Suárez, asasinado en San Salvador de Asma en 1966, e Paulino Fernández, o asasino dos seus paisanos en Casdemiro, Adá en 1989.

Grazas á investigación sobre Carlos Zozaya puiden dar coa existencia dun documento de Alfonso V. Carrascosa “El Laboratorio de Bacteriología y Serología de la Residencia de Estudiantes de Madrid ( LABACSERMAD)”, do que foi fundador e director o noso paisano Paulino Suárez, onde nos informa Carrascosa do seu fundador e dos que foran os seus principais colaboradores.

Nos seus primeiros tempos como licenciado obtivo Paulino a praza de médico dos mineiros de Peñarroya- Pueblonuevo (Córdoba), cunhas vantaxosas condicións económicas, pero asesorado polo seu primo, tamén médico, Juan López Suárez –coñecido como Xan dous Forcados-, casado coa irmá do secretario do JAE (Junta para la Ampliación de Estudios) José Castillejo, pronto pasou a ser pensionado (becado) o que lle permitiu, aínda que debendo sufragar parte dos estudos cos seus propios aforros, iniciar a súa formación no estranxeiro.

Tras a creación en xaneiro de 1920 do Laboratorio de Bacteriología y Serología de la Residencia de Estudiantes de Madrid ( LABACSERMAD) foi cando se nomeou director do mesmo ao noso paisano Paulino Suárez. Alí colaboraría co Laboratorio de Fisioloxía, entón dirixido polo tamén médico Juan Negrín –máis tarde presidente da Segunda República-, e onde tamén investigaría durante algún tempo o premio Nobel Severo Ochoa.

O Laboratorio de Paulino Suárez estaba situado no chamado edificio Transatlántico da Residencia de Estudantes de Madrid, o mesmo centro onde se formaron outros investigadores e artistas como Dalí, García Lorca e Buñuel. Segundo me informa Cristina, neta de Carlos Zozaya, o seu avó oía tocar o piano desde o seu laboratorio ao propio García Lorca. Tamén Severo Ochoa comentaba sobre o laboratorio dirixido por Paulino Suárez: “…otro de Bacteriología, dirigido por D. Paulino Suárez, gran clínico y gran conservador, querido y respetado por todos los residentes…”

Paulino Suárez acompañaría ao exilio a Juan Negrín tras o comezo da Guerra Civil. Trasladouse a Oxford e de alí a México e A Habana, en cuxa universidade foi profesor. Regresou a España na década dos 50 e asentouse en Taboada sen sufrir represalia algunha e morreu no Saviñao en 1970.

Manuel Lamazares Rodríguez

Madrid, 15 de outubro de 2021.

Anuncio publicitario
A %d blogueros les gusta esto: