02-05-2020
Entre os galegos é moi coñecida a expresión “¡O carallo vintenove!”. Usada cando temos que rexeitar un argumento que para nós non ten sentido ou cando rompemos definitivamente unha conversación. Pero esta expresión ten a sua historia xa que hai que enmarcala no do artigo 29 da Lei Electoral de 1907, que establecía que cando nun distrito electoral o número de actas a cubrir fose igual ou inferior ao número de candidatos, non era necesario realizar eleccións xa que os seus postos cubríanse automaticamente polos presentados, naturalmente eran os que nomeaban os caciques do lugar. Dita Lei Electoral foi promulgada en plena época da Restauración, que como é sabido comeza cando o 29 de Decembro de 1874 o xeneral Martínez Campos proclamou en Sagunto a Alfonso XII como rei de España, e esténdese ata a Ditadura de Primo de Rivera (1923). A Restauración foi vista por uns como a época do caciquismo, e por outros como a única saída posible á situación política e social de entón, pero o certo é que, aínda coa manipulación da vontade popular, hay que recoñecer que trouxo un longo período de estabilidade ao longo de moitos anos a España.

A Restauración baseábase na soberanía conxunta do rei e as Cortes e establecía unha quenda de poder organizado entre os dous partidos: conservador (dereitas) e liberal (esquerdas). Cando un partido por mutuo acordo ou por desgaste do goberno sucedía ao seu contrario, o novo goberno convocaba novas eleccións e sempre as gañaba, porque cunhas cortes inimigas non podería gobernar. É dicir que, en vez de ser as Cortes as que facían aos gobernos, como acontece agora, era ao revés: eran os gobernos os que facían as cortes, do que se pode deducir que o fraude electoral era evidente, tanto por parte do ministerio da Gobernación como dos Gobernos Civís ou dos Concellos. Isto, que a priori pode parecer normal, tivo unha gran repercusión na práctica porque os caciques dos dous partidos turnantes –conservadores e liberais- poñíanse previamente de acordo (o que se chamaba encasillamento) para repartirse os distritos que lles conviña presentando cada un o número exacto de candidatos do seu propio partido para que fosen directamente proclamados vencedores sen necesidade de celebrar eleccións naquel distrito.

Pero esta non era a única artimaña electoral usada polo caciquismo, xa que no distrito de Chantada temos un amplo historial de amaños do censo, coaccións, violencia, manipulación das actas e ata posibles delitos electorais, que se estenden ao longo de todo o período da Restauración e mesmo da Segunda República. Certo é que na comarca de Chantada o fenómeno do caciquismo viuse esporeado polos seus adversarios naturales, os membros das sociedades agrarias -das 34 rexistradas na provincia de Lugo 23 eran de Chantada- que agrupaban a gran número de campesiños envorcados maioritariamente nas campañas antiforales, pero que en determinadas ocasións recorrían ao boicot ou á violencia aproveitando o momento das celebracións de electorais. A título de exemplo basta botarlle un vistazo ó anuncio que reproducimos máis arriba aparecido na igrexa de Carballedo en Agosto de 1920.
Imos facer aiquí referencia a catro períodos de tensión que por a sua atribución a determinadas corrientes políticas chegaron a provocar a intervención das autoridades centrales e incluso a supresión e repetición de eleccións:
Eleccións xerais de Abril de 1903.- Celebráronse as eleccións xerais no 26 de Abril de 1903 baixo o reinado de Alfonso XIII. Gañou o partido liberal conservador, que xurdira da unión dos conservadores de Francisco Silvela cos liberais disidentes dirixidos por Antonio Maura.
En Chantada produciuse aquel ano de 1903 un lamentable episodio de caciquismo ao suspender un xuíz municipal en funcións de primeira instancia –o titular fora forzado a pedir o traslado pouco antes de celebrarse as eleccións- a tres dos cinco concellos que comprendía a totalidade do distrito electoral (Antas, Pas de Rey, Taboada, Chantada e Carballedo). O recurso foi rápidamente interposto contra as actuacións do xuíz municipal, pero no momento de trasladar as dilixencias á Xunta electoral de Lugo foron cortados os fíos telegráficos. Todo elo fixo necesario o nomeamento dun xuíz especial provocando a dimisión do candidato do partido liberal López Ballesteros e a vitoria do candidato conservador José Pérez Porto.

Por mor daqueles feitos produciuse un interesantísimo debate no Congreso dos Deputados entre o representante do partido liberal conde de Romanones, e os ministros de Gracia e Xustiza e da Gobernación Eduardo Dato e Antonio Maura, respeitivamente, da maioría conservadora. Comezou o debate calificando o primeiro de tristísimo a todo canto ocorrera en Chantada, e culpou dos incidentes ao ministro de Gracia e Xustiza por non impedir o traslado do xuíz titular antes das eleccións e por permitir que o Gobernador Civil de Lugo amparase ao atropelo do xuíz municipal. O Señor Dato pola súa banda calificou de inxustas as manifestacións do conde de Romanones e manifestou haber dado él mesmo instrucións de que non se ditasen autos de procesamento contra concelleiros e alcaldes en vésperas de eleccións. Antonio Maura, entón ministro da Gobernación defendeu con vehemencia a sua teoría da presenza nas mesas de delegados nomeados polo Gobernador Civil para que non se produxeran estes feitos e responsabilizou á minoría liberal da situación co socorrido termo de “lo mismo hicisteis vosotros”

Eleccións xerais do 13 de Maio de 1910.- Estamos en plena época da Restauración, e ocupa a presidencia do goberno o ferrolán José Canalejas, quen sucedeu ao conservador Antonio Maura, obrigado a dimitir polos fatais sucesos da Semana Tráxica de Barcelona (1909). O resultado das eleccións deste ano foi favorable ao partido liberal, quedando o partido conservador (Maura) moi debilitado, motivo polo que non volveran ao poder ata Outubro de 1913. Canalejas, que foi a gran figura da España liberal do signo XX, puido establecer unha quenda “Maura-Canalejas” que sucedese á de “Cánovas- Sagasta”. Canalejas púidose chegar a entender tamén coas organizacións agracias galegas, pero non non puido ser porque foi lamentablemente asasinado o 12 de Novembro de 1912. A partir de aquí, xunto coa situación provocada por o veto a Maura (¡Maura no!) sucédese unha progresiva descomposición dos gobernos parlamentarios.
Nas eleccións de Chantada tivo que intervir o Tribunal Supremo, que no seu informe propuxo declarásense válidas as eleccións de Maio e proclamásese vencedor ao candidato conservador Javier García de Leániz fronte ao liberal Sr. Francisco Barber Sánchez.

O informe do Tribunal Supremo demostraba que durante as eleccións en tres concellos (Taboada, Chantada e Carballedo) dos cinco que compoñen o distrito de Chantada houbo duplicidade de actas en todas as seccións menos nunha. O candidato Sr. Barber impugnou o informe do Tribunal Supremo atribuindo o funcionamento no distrito de Chantada de dúas Xuntas municipais a deficiencias da lei e tratou de xustificar o cambio de locais para a votación no afastamento das seccións. Engadiu que non se puido proceder á designación de substitutos das mesas electorais, tal como acordou a Xunta central do Censo, por ter que renunciar ao seu cargo o presidente dunha das Xuntas municipais. Contestoulle o electo señor García de Leániz defendendo a súa proclamación, e manifestando que non se trata dunha elección dobre senón dun recurso utilizado pola contra para simular a súa elección. Sostivo o señor Leániz que el fora elixido polas auténticas mesas, e que as outras non tiñan ningún valor legal, porque só as primeiras foron certificadas pola Xunta provincial do Censo, afirmando que por estes feitos e por falsearse a elección de locais cometéronse actos delitivos. Durante a elección quedou demostrado que houbera mesas dobres e actas así mesmo duplicadas. Finalmente, tras o debate no Congreso, quedou aprobado o informa do Tribunal Supremo e proclamouse diputado polo distrito de Chantada a Javier García de Leániz.

Eleccións xerais do 8 de Marzo 1914.- Con resultado favorable ao partido conservador (Eduardo Dato) fronte ao liberal (conde de Romanones), que non tomará a substitución ata o 9 de Decembro de 1915, data en que dimitirá Eduardo Dato por diferenzas internas no partido.
En Chantada resultou gañador nas eleccións de marzo o candidato maurista Perez Porto fronte a García de Leániz (candidato ministerial). O Sr. García de Leániz elevou recurso ao Tribunal Supremo advertindo dunha serie coaccións aproveitando que o Sr. Pérez Porto era o decano do colexio de notarios da Coruña (pretensión rexeitada polo Tribunal Supremo por non ser suficiente este feito para probar as coaccións); constitución ilegal de mesas (comprobada a súa veracidade polo T. Supremo en 13 das 31 seccións que compoñen o distrito de Chantada); pliegos dobres (verificando o Supremo que este apartado constitúe un verdadeiro caos que lle impedía formar un xuízo exacto do resultado das votacións, dándose o caso de que ao candidato que nuns casos dábase como triunfante noutro non se lle adxudicaba ningún voto); irregularidades tales como adxudicar nalgunhas seccións ata o 90% do censo a favor de Perez Porto sen verificarse a elección (Antas, Taboada dúas Freires, Viascós e Airoá), o que facía sospeitar ao Tribunal sobre a simulación das votacións, “máxime teniendo en cuenta que resultaba insólito de que un candidato que anteriormente había representado al distrito, como era el señor García de Leániz, no obtuviera ningún voto en diferentes secciones”, ou recibirse o prego en Lugo antes que finalizasen as eleccións (Villar de Abaixo). Por todos istes motivos tivo que propoñer o Tribunal Supremo a nulidade das eleccións e proceder a unha nova convocatoria.
O 27 de Abril de 1914 leuse no Congreso dos Deputados o informe do Tribunal Supremo no que se propoñía a nulidade das eleccións e unha nova convocatoria das mesmas. De entrada o Deputado Sr. Mato inicia o debate preguntándose por que propón o Tribunal Supremo a nulidade das eleccións se o Sr. García de Leániz resultara gañador por unha maioría de 2.258 votos e que se nalgúns colexios prohibiuse a entrada de notarios fora pos falta de habilitación. O deputado Sr. Barber -que fora elixido nesta ocasión por Ourense- replicóu que as eleccións de Chantada tiñan naquela cámara unha ben gañada celebridade xa que “son el compendio de los mayores, de los más inauditos escándalos, de las más tremendas ilegalidades, de todas las burlas y escarnios que en contra del derecho y de la ley pueden cometerse”, sendo a causa do envilecimiento electoral no distrito de Chantada a preponderancia de “unos cuantos chanchulleros de oficio y profesionales de la política local, que logran la más absoluta protección del Poder público…”
Continuou o señor Barber sinalando a misteriosa aparición dun xuíz especial que ninguén reclamara e que tampouco era necesario porque o traballo que pesaba sobre o xulgado de primeira instancia de Chantada non era excesivo, e que o mismo xuiz ditara unha providencia dicindo que ata tanto o Tribunal Supremo non lle pase o tanto de culpa polos delitos que di cometeu, non ha lugar a ningunha resolución súa (prevaricación).
Nos novos comicios parciais celebrados o 14 de Xuño gana Pérez Porto ( maurista) fronte a García de Leániz (ministerial), pero Barber denunciou de novo coaccións, ilegalidade na constitución das mesas -por aparecer adxuntos ás mesas personaxes que xa foran membros nas eleccións de Marzo-, pregos dobres, simulación de resultados, etc., etc. polo que tuvo que intervir de novo o Tribunal Supremo que se veu obrigado a propoñer outra vez ao Congreso a anulación das eleccións e unha nova convocatoria das mesmas.
Na repetición de eleccións o 26-12-1915 (as teceiras), gañou de novo José Pérez Porto, que xa nas eleccións anteriores obtivese maioría de votos, sendo a maioría obtida agora abafadora nos Concellos de Antas e Palas de Rey. Pero esta vitoria non se completou, ao non resultar nomeado Deputado porque incomprensiblemente –quizais debido á crise interna do seu partido maurista- non presentou as súas credenciais.
Eleccións xerais constituintes do 28 de Xuño de 1931.- As escenas de violencia no municipio de Chantada reproducíronse con ocasión da celebración das eleccións xerais constituintes do 28 de Xuño de 1931 -ainda que coa nova ley electoral queríase evitar os manexos caciquiles suprimindo as pequenas circunscripciós en favor das listas por provincia, pero non se conseguío-. Na capital do distrito non se celebraron eleccións e por escamoteo de papeletas tivéronse que repetir. O colexio de Asma non se abriu e houbo que repetir tamén a votación. Nas seccións de Outeiro, Abeleda e Airoá repetíose a votación. No colexio de Moreira non se verificou a votación por non concorrer os adxuntos. Según a denuncia no Congreso do deputado Daniel Vázquez Campo, en varias seccións do distrito electoral de Chantada non se deu posesión nas mesas aos candidatos republicanos legalmente designados, incluso e foi chamada a Garda Civil para a súa expulsión. Noutras mesas retirouse o escrutinio á vista da derrota monárquica. Como xa se fixera habitual, estas eleccións foron anuladas pola Cámara constituínte.
Na sua repetición do 23 de Agosto –chamada por algúns segunda comedia electoral-, reproducíronse os incidentes habituais como pregos dobres en varias seccións (Iglesia, Outeiro, Airoá e Moreira, Santa Cristina), algúns deles certificados na oficina de Correos de Chantada e outros na cartería de Nieves de Castro ( Puertomarín). Noutras mesas a porcentaxe de participación pasou o noventa por cen do censo pese ao escaso número de votantes, tal como reflejaban algunos medios:
«Se celebraron las elecciones con escasísima concurrencia de electores. Sin embargo, como es natural, las actas aparecerán rebosantes de números de electores…»
O que foi xustificado por outros por ser o partido xudicial de Chantada o único onde había verdadeiras organizacións agrarias…

Eleccións xerais do 19 de Novembro de 1933.- Faltaban aínda por analizar os graves incidentes cometidos con motivo das eleccións xerais do 19 de Novembro de 1933, onde terían que volver repetirse en dúas seccións debido a incidentes aínda máis violentos que nas producidas no mes de Xunio como foron a ruptura de urnas ou, como sucedeu no colexio electoral da parroquia de Líncora, cando antes de poderse efectuar o escrutinio entraron varios individuos no local dispostos a destruír as urnas, os cales fixeron varios disparos sen que afortunadamente tivesen máis consecuencias que o susto correspondente, garantizando a Garda Civil a orde durante a verificación do escrutinio. Por outra banda, un grupo de individuos fixo algúns disparos nas inmediacións dunha casa en construción, contestando os obreiros que alí estaban na mesma forma, sen que se producise ningún ferido. O representante das forzas de dereitas manifestou que en todo o termo de Chantada non puideron desenvolverse normalmente as eleccións porque grupos de persoas armadas impedían o acceso aos dereitistas, mentres que os grupos de esquerda din que poden acreditar que grupos de dereitas trataran de comprar varias actas electorais.
A situación endémica da violencia electoral en Chantada non se extinguiría ata o mesmo ano de 1936, en que tivo lugar outro grave incidente promovido polo xefe nacional da JAP (Mocidade de Acción Popular) José María Pérez Laborda cando nas eleccións de Febreiro tratou de tomar as mesas electorais a punta de pistola –segundo algúns provocado polos esquerdistas-, ocasionando varios feridos.
MANUEL LAMAZARES RODRÍGUEZ
FONTES:
Congreso de los Diputados.- Diario de sesiones de las Cortes.
Martínez Cuadrado, Miguel.- La burguesía conservadora (1874-1931).- Alianza Universidad, 1976.
Comellas, José Luis.- Historia de España moderna y contemporánea.- Rialp, 1975.
Villares, Ramón.- La propiedad de la tierra en Galicia 1500-1936.- Siglo XXI, 1982.
Durán, J.A.-Agrarismo y movilización campesina en el país gallego (1875-1912).- Siglo XXI, 1977.
González López.- Historia de Galicia.- Ed. La Voz de Galicia, 1980.
Prensa regional y nacional de la época estudiada (El Progreso, El Regional, La Vanguardia, El Ideal Gallego, El Pueblo Gallego, El Eco de Santiago, etc.)
Armengol y Segú.- El poder de la influencia: geografía del caciquismo en España (1875-1923)
Instituto de Reformas Sociales.- El problema de los foros.