18-11-2021
Na Cuqueira nunca houbo luz eléctrica. O meu tío Jesús, dada súa calidade de primoxénito, tomara a drástica decisión de non poñer a luz eléctrica na Cuqueira. Baseábase en que a luz eléctrica era un elemento diabólico e aínda pouco coñecido polo que se non se manexaba con cautela podía producir un incendio.

Pola noite dentro da casa usábase o candil, pero cando había que sair á intemperie, o candil introducíase nun farolo, que era unha especia de caixa de latón coas paredes de cristal que o protexía do vento e da choiva, cun respiradeiro na cima e cunha asa para suxeitalo.
O farolo era o compañeiro inseparable nos traballos nocturnos e ao aire libre. Mesmo para munguir as vacas como para darlles de comer. Estaba claro que aquela luz resultaba insuficiente, en especial cando se tiña algún problema de visión como lle sucedía ao Leros pola súa doenza de cataratas.
-¡Alumía! ¡Alumía!
Oíaselle berrar unha e outra vez cando polas noites atopábase realizando algunha tarefa, reclamando insistentemente a luz do farol á súa muller Aurora.
O Leros era consciente da súa doenza, pero rechazou a idea que lle propoñiamos de operarse das súas cataratas porque pensaba que se llas curaban retiraríanlle a pensión.
Nunha ocasión sufriu unha lesión na vista ao cravarse unha espiña dun ourizo nun ollo. Tentou curarse con remedios caseiros, pero ao non darlle resultado transixiu por fin acudir ao oculista.
Acompañeino eu a Ourense un chuvioso día do mes de marzo, tomando o coche de liña que saía da veciña localidade de Pereira, punto por onde discorre a estrada de Lugo a Ourense. Extraéronlle a espiña e vendáronlle o ollo, á vez que lle confirmaron a súa lesión de cataratas. Unha semana despois xa estaba reposto da lesión da espiña pero a doenza de cataratas seguía vixente.
(Do libro «Recordos da Cuqueira»)