01-02-2022
Temos que preguntarnos se ten algunha relación o proxecto de establecemento da chamada “Única Contribución” coa revolta da Ulloa do ano 1790. Todo parece indicar que sí: o medo á Única Contribución pudo ser o detonante polo que se produciron no interior de Galicia –Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Rei, Chantada e parte da provincia de Ourense- unha serie de revoltas das que aínda non resulta clara a súa verdadeira natureza, pero que provocaron graves desordes hasta o punto de conseguir desfacer as feiras de varias localidades de aquil entorno ao berro de “viva el rei”, «viva la Ulloa» e “muera la Única”.
Todo arrinca de mediados do século XVIII cando os reis Borbóns iniciaron a reforma do sistema fiscal vixente co fin de unificar e simplificar as complicadas Rendas Provinciais –alcabalas, centos, millóns, fiel medidor, terzas reais, etc.- e substituílas por unha Única Contribución «a proporción de lo que cada uno tiene, con equidad y justicia…«.
Para coñecer a renda real das persoas, era necesario facer previamente unha «investigación» universal de todos os bens dos vasallos, sen excepcións, tamén dos eclesiásticos e dos nobres, mediante unha serie de declaracións individuais –o chamado Interrogatorio do Catastro de Ensenada de 1753 [1]-, que faría posible calcular a renda local, a provincial e a do Reino.
En 1756 os traballos estaban case concluídos, pero a paralización da Administración debida á prostración do Rey Fernando VI pola morte da raíña Bárbara de Bragança, fixo que pasase aquel momento sen concluíla. A reforma volverase estudar en 1760 e en 1770, xa no reinado de Carlos III, e abandonarase definitivamente en 1779, trinta anos despois do inicio da investigación.
Esta situación de indefinición e incerteza, que se prolongou durante tantos anos, provocou inquietude entre os sectores que se sentían máis prexudicados, como eran a nobreza e o clero regular, aos que non lles conviña pagar os impostos en proporción ás súas facendas e haberes porque significaba “que deberían pagar lo que nunca pagaran”. Co paso dos anos esta preocupación estendeuse tamén á puxante nova clase mercantil xurdida en torno ao porto da Coruña tras a liberación do seu comercio con América, que tamén se sentía prexudicada nos seus intereses ante a nova contribución.
Todo iso, sumado á falta de control na recaudación, e que crían que foran enganados xa que a Única non fora posta polo rei senón obra de inferiores que o esixían todo para eles mesmos, supuxo que se consolidasen “ciertos poderes ocultos”, considerados por algúns como o máis probable detonante do movemento reinvidicativo da Ulloa.
A priori todo parece indicar pois que as revoltas da Ulloa foron froito do medo á implantación da Única Contribución por parte das clases sociais máis acomodadas -ás que habería que sumar o novo campesinado rico, cuxos vantaxosos aforamientos das terras dos mosteiros foron consolidados grazas á Provisión de Carlos III de 1763 [2]-, pero como algúns autores sosteñen, puido haber tamén certa conexión con outros acontecementos revolucionarios.
Non se descarta neste sentido que determinadas noticias baseadas nas declaracións dalgún dos seus xefes puidesen confirmar esta hipótese. Cando Fernando Joanes fala de certas cartas “recibidas de Francia”, pódenos facer chegar á sospeita de que existisen directrices de revolucionarios franceses chegadas a certos círculos privilexiados da nosa rexión –neste mismmo sentido opina Juan Manuel Bedoya [3], que pensa que “alguna mano oculta y poderosa, tal vez algunos emisarios de la asamblea desorganizadora de Francia eran los que fomentaban y pagaban y dirigian aquellos movimientos sediciosos…”-. A mesma sospeita pode xurdir cando o propio Joanes manifestou ao bispo de Ourense que o verdadeiro protagonista era “un hombre de posición” chamado Benito Antonio, que era un personaxe descoñecido que recibía dun “aldeano” o diñeiro para pagar aos sediciosos.
Aínda que a natureza destes sucesos non nos sexa do todo coñecida, os feitos son perfectamente confirmados polo Bispo de Ourense Don Pedro Quevedo e Quintano, quen coñeceu aos alborotadores e os detalles de primeira man debido ao testemuño dalgún deles. O xefe da partida, Fernando Joanes, natural do concello asturiano de Boal, manifestou ao bispo que estando na Coruña, dous homes descoñecidos que se dedicaban a “alborotar las ferias” ofrecéronlle seis reais por día –cantidade considerable tendo en cuenta que o salario dun xornaleiro da época era de dous reais-, e propuxéronlle que fóra con eles a Monterroso para tratar de quitar “la Única” e evitar o que estaban a facer os avariciosos recadadores de rendas contra a vontade do Rey. O seguinte día 5 dirixíronse á feira de Chantada, e os días posteriores percorreron gran parte da provincia ourensá desfacendo as feiras, e provocando desordes ata que o día 22 recalaron na mesma capital.

Ese día 22 de novembro entraron entre sesenta e cen individuos na cidade de Ourense. Todos eles ían armados con paus e obrigaron en base de ameazas e golpes aos veciños para pechar casas e tendas. A moitos dos seus habitantes esixíronlles diñeiro, comida e bebida, e ao administrador de rendas provinciais 2000 reais, soltando tamén aos presos e prendendo lume ao cárcere.
Como correu rapidamente o rumor de que o día 27 ían volver á cidade e a reacción das autoridades non acababa de producirse, o bispo de Ourense foi o único que decidiu tomar a iniciativa para armar o pobo e defender a cidade, o que se produciu participando non só a xente do pobo cos poucos soldados que quedaban, senón que mesmo se uniron todos os clérigos menores que aínda non foran ordenados.
Cando todo o mundo esperaba medorento que o día 27 fose outro día de violencia, foi o propio xefe da partida Fernando Joanes quen pediu entrar na cidade en son de paz co fin de explicar a súa actitude. Reunido co bispo e coas autoridades no Consistorio, manifestou públicamente que eles non eran ladróns porque nunca roubaran e que só trataban de quitar os tributos ou contribucións que lles queren impoñer sen noticia do rei.
Foi o mesmo bispo quen lles convenceu de que a única forma de escapar da forca sería renderse. Consideraba o bispo a Fernando Joanes como un “hombre de cortísimo talento”, e sospeitaba que alguén se aproveitaba de “la sencillez y el interés de los rústicos aldeanos” embaucándoos nas tabernas e nas feiras para captalos e así poder cumprir os seus propios obxectivos –sen saber con claridade cales eran-.
O bispo de Ourense non só quería o indulto para os campesiños revoltosos, senón tamén para o comandante Joanes, co que se comprometeu a solicitalo a condición de que deixase as armas e puxese fin aos asaltos en todo o reino de Galicia.
Tras longas xestións con diversas autoridades nas que participaron o secretário de Facenda, o Inquisidor Xeral, o Nuncio e o arcebispo de Toledo cardenal Lorenzana, etc. conseguiu que finalmente o rei Carlos IV asinase a orde de indulto coa condición de que o xefe fose desterrado definitivamente da Coruña e que non puidese entrar en Santiago nin en ningunha das localidades onde houbo alborotos.
[1] Ver interrogatorio do catastro de Ensenada de Santa Eugenia de Asma en:
O interrogatorio do catastro de Ensenada
O INTERROGATORIO DO CATASTRO DE ENSENADA (II)
O INTERROGATORIO DO CATASTRO DE ENSENADA (III)
[2] A Provisión de 11 de maio de 1763, asinada por Carlos III ordenaba a suspensión das demandas de despoxo interpostas polos posuidores do dominio directo das terras ante a Audiencia de Galicia, tivo unha importantísima repercusión no réxime foral en Galicia. Desde esa data xa non foi posible reclamar por vía xudicial o despoxo aos levadores dos foros, motivo polo que na práctica os foros convertéronse nunha cesión perpetua. Ver a título de exemplo: https://eirexe.es/os-despoxos-na-terra-de-chantada/
[3] Ver Juan Manuel Bedoya: Retrato histórico de D. Pedro de Quevedo y Quintano. 1835.
FONTES:
Juan Manuel Bedoya: Retrato histórico de D. Pedro de Quevedo y Quintano. 1835.
Jesús de Juana López: El obispo Quevedo y la revuelta gallega llamada «de la Ulloa» (1790).
Avelino Seijas Vázquez: Historia de Chantada y su comarca.
Real Academia de la Historia: Pedro Benito de Quevedo y Quintano.
José María Donézar Díez de Ulzurrun: La Única Contribución y los eclesiásticos.
PARES: Catastro de Ensenada. Estudio Institucional.