O AMO TOLO QUE BUSCABA CRIADO

[Este conto foi recollido por Jesús Lamazares Guerra, mestre de primeiro ensino de Chantada, e publicado por Galaxia en torno ao ano 1963. Forma parte dun grupo de contos populares da provincia de Lugo recollidos por os mestres entre os alumnos das súas escolas e ordenados polo Centro de Estudos Fingoy de Lugo.]

Unha vez era un amo que buscaba criado, i en fin, chegóulle un criado novo.

A primeira cousa que lle mandóu foi que collese o pau de ferro e que lle tirase coa esquina da casa. O criado novo quedóu asombrado de tal mandato e contestóulle:

         -Siñor, iso nono fago, que así tírolle coa casa.

         -Ti non sirves para ser meu criado, -díxolle o amo; e despachóuno.

         O criado marchóu e contóulle o caso a un irmáu que tiña.

         Íste díxolle:

         -¡Ah, parvo!, ¿por qué non habías de facer o que che mandaba?

         E decidíuse il a servir a semellante amo.

         O primeiro que lle mandóu foi o que lle había madado ao seu irmáu, a saber: coller o pau de ferro e tirar coa esquina da casa.

         -¡Ai, home, qué fixeches!

         -Vosté mandóume, meu amo.

Boeno; agora mándoche buscar un carro de leña ben direita –díxolle o amo.

         Marchóu o criado co carro, cortóu os castiñeiros novos que tiña plantados para un souto, e cargóu ben o carro.

         -¡Ai, home, qué fixeches!

         -Vosdete mandóume, meu amo.

         -Agora –mandóulle o amo- vas a buscar un carro de leña ben torta.

         Marchóu o criado co carro á ribeira, e cortóulle todas as cepas e parras que tiña nas viñas, hastra cargar ben o carro.

         -¡Ai, home, qué fixeches –díxolle o amo.

         -Vosté mandóume, meu amo.

         O amo pensóu: “Este criado acaba conmigo. Vou acabar eu con il”.

         Mandóuno pra unha casa sola que tiña nun monte da súa propiedá, e que estaba habitado por un ogro, i en donde lle morreran outros criados. Ao chegar, o criado ouservóu que, efectivamente, estaba a casa habitada por un ogro, e que nunha habitación estaban mortos os dous criados que mandara o amo para quedarse alí.

         Aquil ogro destinóulle un cuarto para dormir, que estaba ao lado donde estaban mortos os outros.

         O criado novo deitóuse a dormir, pero levantóuse enseguida, e colocóu un morto no sitio donde o mandara deitar o ogro, colocándose il, en cambio, no sitio do morto.

         De noite, chegóu o ogro cunha barra de ferro e deulle un tremendo golpe ao morto, pensando que era o vivo.

         Pola mañá levantóuse o criado:

         ¡Boenos días!

         -¿E non oíches un golpe de noite?

         -¡Boh! ¡Unha patada dunha pulga!

         Regresóu xunto do amo sano e salvo.

         Decidido o amo a acabar co criado, mandóuno con porcos para unha lama de bulleiro e sitio fangoso, pra que quedasen enterrados no fango il e máis os porcos.

         Pero o criado non se meteo na lama, i os porcos vendéunos aos tratantes que iban prá feira, coa condición de que lles habían de cortar o rabo a todos os porcos.

         Despóis cravóu os rabos na lama, e foi avisar ao seu amo que estaban os porcos estacados na lama, e que había que levantalos e desenterralos.

         Foi o amo a ver e creéuno. Mandóulle buscar aixadas á casa, para quitar os porcos da lama. Entón o criado díxolle ao amo que era tan listo como el. Os cartos dos porcos eran xustamente os que lle debía, e fixera o modo de salvarse e de cobrarse.

         Despedíuse e marchóuse.

Anuncio publicitario
A %d blogueros les gusta esto: