A IGREXA DE SAN ESTEBAN (ESTEVO) DE RIBAS DE MIÑO MERECE UNHA VISITA

5 decembro de 2020

¡IGREXA TEMPORALMENTE EN OBRAS!

Unha das máis fermosas portadas románicas de Galicia que lembra ao Pórtico da Gloria merece unha visita.

Unha das máis fermosas portadas románicas de Galicia que lembra ao Pórtico da Gloria encóntrase a escasos 7 kms. de Chantada. Foto Manuel Lamazares 1983.

Transcorría o ano 1983 cando por culpa dun cálculo renal estaba eu ingresado no hospital Polusa de Lugo. Foi alí onde coñecín a Jaime Delgado Gómez, que entón facía as veces de capelán daquel hospital e, segundo me dixo, desempeñaba o posto de Comisario Provincial do Patrimonio Artístico de Lugo. Pronto conxeniamos porque ambos procediamos da comarca de Chantada –Jaime Delgado era de Castelo, Taboada- e non sei como a conversación derivou en termos de arte. Enseguida soupen que Jaime acababa de descubrir o magnífico sartego de Temes polo que non podía disimular o seu entusiasmo.

Eu pola miña banda aproveitei para insistirlle no deterioro dos arcos da portada da igrexa de San Esteban de Ribas de Miño que xa entón traíame moi preocupado, pero el non se desviaba dos eloxios ao seu novo descubrimento.

Arcos de medio punto abucinados da portada. Na primeira arquivolta aparecen cinco figuras sentadas con instrumentos musicais. A figura central ten unha especie de «disco solar» e outra ten un cuadrante lunar.

Soupen máis tarde que aquel deterioro da portada de San Esteban quizais fose debida á falta da clave do arco da primeira arquivolta, que ao parecer constitúe un elemento fundamental para manter a estrutura estable, o que me tranquilizou un pouco. Por aqueles anos tomara eu algunha nota, creo lembrar que do volume que a enciclopedia Summa Artis de Pijoan dedicaba ao románico rural galego, no que aparecían algúns detalles moi valiosos dos elementos daquela igrexa que eu descoñecía.

Interior da igrexa de San Esteban de Ribas de Miño.

Repasando agora os meus papeis coincidindo con estes tempos de pandemia, propóñome recuperar aquelas notas que me dispoño a resumir nesta páxina en forma gráfica xunto con algunhas fotografías que puiden facer naquel tempo ca minha cámara Zeiss Ikon de 6×6 cms. que comprara de segunda man a un compañeiro en Barcelona.

Igrexa de San Esteban de Ribas de Miño.- Detalle da Sacristía.

Manuel Lamazares Rodríguez.- Collado Villalba 5-12-2020.

Anuncio publicitario
A %d blogueros les gusta esto: