O CLUB DEPORTIVO OURENSE

03-03-2021

Revisando por Internet o xornal «La Región» vén á miña memoria a espléndida tempada do C.D. Ourense 1967-1968. Tiña eu entón 16 anos e estaba a estudar Maxisterio en Ourense. Vívía na casa dos meus tíos José e Manuela, situada na rúa Ervedelo, xusto enfronte do estadio do Couto. Recordo que me desprazaba algúns xoves para presenciar os adestramentos e mesmo a ver algún partido daquel magnífico equipo que, devandito sexa de paso, non perdeu ningún partido durante toda a tempada.

Equipo habitual do C.D. OURENSE (FONTE)

Teño “ in mente” (inclúo a foto) a aliñación habitual, que estaba formada por Roca (PORTEIRO), Varela, Astigarraga, Paredes (DEFENSAS), Angel, Pito (MEDIOS), Cortés, Seara, Carballeda,, Pataco e Tunes (DIANTEIROS). O adestrador era entón Fernando Bouso, que era tamén propietario da tenda Bouso Sport situada nunhas galerías comerciais da rúa do Paseo. O Presidente, que se facía ver nalgúns adestramentos co seu flamante Mercedes branco, era entón Florencio Álvarez, que fora emigrante en Venezuela. En fin, coñecía mesmo a vida e milagres de todos os xogadores. Naquela época non había Segunda División B, pero si unha Terceira moi poderosa, na que militaba o Ourense, así que se pudía subir directamente a Segunda mediante sorteo ou por unha promoción. Foi aquí onde ocorreu o máis inesperado. Aquel equipo imbatible que mesmo gañara no seu campo ao Atlético de Madrid 1-3 nun partido amigable, foi a estrelarse contra o Ilicitano (de Elche, Alicante), na fase de promoción. Todos os afeccionados sufrimos unha forte desilusión xa que dabamos por feito o ascenso do noso equipo á Segunda División Nacional. Houbo que esperar algunha tempada máis para o ascenso, non recordo cantas. Aquel equipo tan magnífico pronto se desfixo, marchándose algúns xogadores a outras latitudes, como o magnífico extremo dereito Cortés, natural de Xunqueira de Ambía e estudante no Seminario ourensá. Militando xa no seu novo equipo, o Deportivo da Coruña, o Cortés dedicoume unha foto sua que ainda conservo, e que me fai rememorar aqueles magníficos anos.

Anuncio publicitario
A %d blogueros les gusta esto: