AS ESCOLAS DE PRIMEIRO ENSINO EN CHANTADA NA SEGUNDA METADE DO SÉCULO XIX

13-10-2019

ANTECEDENTES:

A partir do século XVI xorden en España as escolas das primeiras letras, que foron impulsadas polos municipios e polos propios párrocos, así como polas ordes relixiosas como os xesuítas –quen tamén ensinaban a ler a mozos humildes- e os escolapios.

Coa constitución de 1812 séntanse as bases para o sistema educativo español ao introducirse a universalidade da educación primaria para toda a poboación sen excepcións, correndo a cargo do Estado a súa organización, financiamento e control. A partir de aquí, no marco dun permanente litixio entre conservadores e liberais vanse desenvolvendo un bo número de plans de estudo e leis ata que se promulga a chamada Lei Moyano.

A LEI MOYANO:

A Ley de Instrucción Pública del 9 de setembro de 1857 (coñecida como Lei Moyano) establece non só unha ordenación xeral de todos os ensinos do sistema educativo en España, senón que queda acordado o marco normativo que perdurará ata que, en 1970 se promulgue a Ley General de Educación (Lei Villar Palasí).

As principais novidades da Lei Moyano eran as seguintes:

  • o carácter público e privado dos ensinos
  • a obrigatoriedade da mesma nas escolas públicas, desde os seis aos nove anos
  • a distribución destas en tres graos: primeira, segunda e superior
  • o primeiro ensino dividíase en elemental e superior
  • o uso duns mesmos libros de texto en todas as escolas
  • o financiamento do primeiro ensino cos orzamentos municipais
  • na elemental impartíanse doutrina cristiá, lectura, escritura, principios de gramática castelá, con exercicios de ortografía, principios de aritmética co sistema legal de medidas, pesas e moedas, breves nocións de Agricultura, Comercio e Industria, segundo as localidades
  • as nenas, en lugar dalgunhas materias anteriores recibían as correspondentes a «labores propios do sexo», elementos de debuxo aplicado ás mesmas labores e lixeiras nocións de hixiene doméstica
  • as prazas de mestres de primeiro ensino províanse, ordinariamente, polo procedemento de oposición
  • as prazas de mestres cuxa dotación non chegue a 3000 reais e as de mestras cuxo soldo sexa menor de 2000 proveranse sen necesidade de oposición
  • as amoestacións aos pais ou titores por incumprimento do deber de levar aos nenos á escola

 

O REGLAMENTO GENERAL PARA LA ADMINISTRACIÓN Y RÉGIMEN DE LA INSTRUCCIÓN PÚBLICA DE 20-7-1859:

Segundo o art. 299 da Ley de Instrucción Pública do 9 de setembro de 1857 –Lei Moyano-, en cada provincia existirá un inspector de escolas de primeiro ensino que deberá realizar os seus estudos na escola normal central e exercer o primeiro ensino por espazo de 5 anos- .

Segundo o Reglamento General para la Administración y Régimen de la Instrucción Pública de 20 de xulio de 1859, de desenvolvemento da Lei Moyano, inspeccionarase anualmente o maior número posible de escolas e as Xuntas de Instrución Pública de cada provincia fixarán o itinerario das visitas que deberá ser aprobado polo Rector da Universidade –máximo responsable da educación na súa rexión-, anunciándoas coa antelación suficiente no Boletín Oficial de cada provincia (art. 138).

Os mestres e mestras deberán ter preparada, cando chegue o inspector, unha noticia do estado da escola conforme un modelo establecido. Os inspectores visitarán coidadosamente as escolas decatándose do estado do local, mobiliario, número de alumnos, réxime de ensino, método e disciplina, libros de texto e froitos que producise o seu sistema (artigos 139 ao 143 do Regulamento). Terminada a visita, os inspectores anotarán as advertencias que xulguen convenientes e reuniranse coa Xunta local de Primeiro Ensino, na que expoñerá o xuízo que tivese formado do estado de instrución no pobo (art. 146).

883211.jpg
Os mestres debían ter preparado un informe sobre o estado da súa escola para cando chegase a visita do inspector (Fonte: Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela).

VISITA DA INSPECCIÓN A CHANTADA:

Nos anos de 1845-1847 a situación do ensino en Chantada segundo o Dicionario de Pascual Madoz non era muy satisfatoria xa que naqueles anos só tiña  “una escuela pública elemental cuyo maestro disfruta la dotacion de 1.920 reales y da enseñanza bajo el sistema simultáneo á 129 niños…”

No partido de Chantada, a situación non era moito millor:

”…el estado en que se encuentra la instrucción pública en este partido, que si bien no tan abandonada como en el de Becerreá, conviene advertir que las 19 escuelas, de las cuales solo dos están dirigidas por maestros examinados, se hallan distribuidas 11 en Chantada, 6 en Taboada, una en Carballedo, y otra en Puertomarín, siguiéndose de aquí y de los datos oficiales que tenemos á la vista, que los ayuntamientos de Antas, Monterroso y Palas de Rey…carecen de escuela y que ninguna hay en todo el partido para educación de niñas”.

Pero na visita de inspección realizada a Chantada en abril de 1865 xa existía na vila unha escola de nenos e outra de nenas.

O procedemento xeral das visitas de inspección eran os sinalados pola Lei Moyano e polo Reglamento General para la Administración y Régimen de la Instrucción Pública de 20 de xulio de 1859.

A documentación referida tanto ás visitas ordinarias realizadas pola inspección ao partido de Chantada como ás Actas da Xunta Local de Primeiro Ensino custódianse no Arquivo Histórico da Universidade de Santiago.

ESCOLA DE NENOS DE CHANTADA:

A visita ordinaria de inspección realizada no ano 1865 comezou na escola de nenos, rexida entón polo mestre Don Ramón M. Ojea e Castro. A escola atopábase situada no local do Concello, veciña do cárcere municipal. O mestre levaba sete anos desempeñando este posto no pobo e non recibiu as mesmas felicitacións que recibiría a mestra na visita de inspección dese mesmo ano por canto “la escuela esté regularmente organizada y los resultados serían otros si el Maestro interviniese directamente en la enseñanza y fuese en la clase algo mas que un mero vigilante. Así es que la instrucción de los niños se eterniza y la escuela está desierta con respecto a la concurrencia que debía tener, vista la que asiste a la escuela de las niñas…”, e seguiu engadindo o inspector  que “Esta falta de resultados llevó a muchos niños á una escuela privada, cuyo Maestro es la ignorancia personificada…” e seguiu opinando que “…faltale buen deseo y contrarían ademas aquellas dotes sus aspiraciones á ser algo más que Maestro. Descuella ademas en su carácter un espíritu mal reprimido de soberbia…”. As materias que impartía eran relixión, lectura, escritura, aritmética, gramática. xeometría, xeografía, historia sacra e agricultura. Estaban matriculados 81 nenos, dos que segundo o mestre concorrían ordinariamente 70, aínda que o inspector puntualizara á marxe que “en los días que llevo en Chantada no vi más de 45 niños”. Todos os alumnos estaban dispensados do pago de retribucións por facerse cargo o Concello. Rexía na escola o sistema mixto tomando como base o mútuo –co sistema mútuo os alumnos tamén se clasificaban en seccións segundo os seus coñecementos, pero o número destas era superior ao contemplado no simultáneo, podendo mesmo diferenciarse distintos grupos dentro de cada sección, adquirindo así os alumnos unha formación máis homoxénea e rápida, próxima á individual-, aínda que parece que o inspector non era moi partidario deste sistema: “El sistema por el que rige la escuela nada participa del simultáneo; y del mútuo ni aún tiene la intervención del maestro.”

Concluíu o inspector no seu informe que os nenos non tiñan os coñecementos que debían esperarse para os que pertencen ás seccións superiores “…ya que ninguno lee con regular expresión; ninguno escribe, no ya bien, pero ni en letra cursiva; ninguno conoce bien las partes de la oración; ninguno llega en Aritmética a multiplicar quebrados comunes, y pocos saben de memoria el Astete. En Geografía saben cuantas provincias tiene España; pero los más de ellos no son capaces de encontrar á Galicia en el mapa…”

Astete
O » Astete» ou «Catecismo de la Doctrina Cristiana» foi escrito polo P. Gaspar Astete e é un resumo do que o cristián debe saber e cumprir para salvarse. De feito este catecismo serviu á gran expansión católica da contrarreforma e a Evanxelización do Novo Mundo. O Pai Gaspar Astete, naceu en 1537 e morreu en 1601.

ESCOLA DE NENAS DE CHANTADA:

En visita de inspección realizada á escola de nenas en abril do mesmo ano de 1865, infórmase que a escola de nenas ocupaba un local situado na praza do pobo, moi estreito e insuficiente para o número de 85 alumnas –unhas 60 a 78 de media- que acode á escola, especialmente nos meses de máis calor do verán –naqueles anos non existían as vacacións estivais-. Rexía na escola o sistema mixto baseado no simultáneo –é dicir, mediante o sistema simultáneo clasificábanse aos alumnos por seccións segundo os seus coñecementos e co mixto o mestre encargábase de instruír sucesivamente ás distintas seccións, encomendando aos alumnos máis avantaxados o repaso das leccións-. As clases estaban divididas en seis secciós. As materias que se impartían eran relixión, lectura, escritura, aritmética, gramática castelá e labores. Todas as nenas estaban dispensadas do pago de retribucións. A mestra Segunda Ulloa, que levaba cinco anos desempeñando este posto, recibiu os parabéns de inspección “…por el comportamiento y el esmerado celo con que atiende el desempeño de sus obligaciones”.

A Xunta Local de Primeiro Ensino, en visita realizada a ambas as escolas en abril de 1865, informou positivamente sobre a conduta que observou neles, tanto do mestre como da mestra, sendo en ambos os casos exemplar. E continuou informando que se notan máis avances na escola de nenas que na de nenos, circunstancia que atribúe ao método de ensino, xa que as materias da de nenos deben reservarse segundo a Xunta para escolas superiores.

OS LOCAIS:

Necesitándose ampliar o local onde se atopaba naquil tempo o Concello, e dada a precariedade do local de nenas, o Concello acordou ampliar o crédito destinado ao aluguer do edificio de ambas as escolas e habitacións para os mestres pasando de 600 reais a 2000 reais.

O inspector amosouse tamén partidario da adquisición de novos locais, tanto para a escola de nenos como para a de nenas:

“He visto la cárcel y solo hay en ella siete presos. Acaso siendo mayor este número, lleguen en verano las emanaciones de tal departamento a viciar el aire de la escuela; pero esto puede corregirse muy bien porque hay medios de ventilar el local…Los defectos que tiene el local son en mi concepto: su estrechez para cuando concurren a la escuela los niños…  y por otra los inconvenientes que la vecindad de la carcel puede ofrecer por oírse en la escuela las canciones y conversaciones de los presos; poco edificantes los más de las veces.”

O inspector non tiña a mesma opinión respecto a a necesidade dunha vivenda para o mestre, xa que no seu informe de auditoría non lle resultaba necesaria a pesar das previsións do art. 191 da Ley de Instrución Pública que contemplaba que os mestres “disfrutarán de una habitación decente para sí y su familia”:

E engadía:

“El maestro no tiene casa pagada por el Municipio; pero, por mas que tenga derecho a ella, no debiera exigirla porque no la necesita (…), viviendo como vive en compañía de su padre y hermanas, naturales del mismo pueblo, con profesión y propiedad el 1º en él, y porque todos comprenden que su objeto no es otro que especular (…) con la casa que se le dé.(…)

PASIVIDADE DO CONCELLO EN DOTAR DE ESCOLAS RURAIS PARA O DISTRITO DE CHANTADA:

Como ocorre aínda na actualidade, en que os entes locais e demais organismos públicos consideran prioritarias os investimentos e dotacións na capital do concello, pero desdeñan calquera tipo de servizo ás parroquias da súa demarcación rural, tuvo que ser o inspector de primeiro ensino quen na súa visita de 1886 levara a iniciativa para dotar de escola primaria ás trinta e seis parroquias do seu Distrito:

“…que este ilustrado municipio , fuese uno de los pocos que se viene resistiendo pasivamente a la creación de las escuelas rurales que para las treinta y seis parroquias de este Distrito pidió la Inspección, acordó crear el Rectorado y ordeno incluir el señor Señor Gobernador de la provincia en los presupuestos ordinarios ultimos, y como quiera que los de este Distrito habían sido aprobados con la condición de que fuesen inclusivas dichas escuelas en el adicional próximo…” pediu á Xunta Local de Primeiro Ensino que “exortase al Ayuntamiento para que sin pretexto alguno, cumpla este servicio.”

A necesidade de contar con escolas rurais no distrito de Chantada xa fora posta de manifesto na Acta da Xunta Local de Primeiro Ensino o ano 1883 en que consideraba que “era imprescindible que se creasen catro escuelas de temporada a cargo de dos Maestros en Santiago de Arriba, S. Felix de Asma, S. Vicente de Argozon y S. Martin de Mariz.”

DON MANUEL FORMOSO LAMAS

O ilustre mestre Don Manuel Formoso Lamas debeu tomar posesión da súa escola na vila a finais do ano 1884, xa que na auditoría realizada á súa escola o 1 de abril de 1886 Don Manuel levaba no pobo un ano e cinco meses e na visita de inspección de 26-11-1883 aínda estaba de mestre Don Francisco Fernández Rodríguez, que daquelas  levaba 10 anos no ensino publica na vila.

Sobre a huella deixada por Don Manuel na vila non hai ningún xénero de dúbida. O informe da Xunta Local de Primeiro Ensino de 1886 era bastante explícito sobre os dotes e boa disposición dos mestres das dúas escolas locais: “…que había visitado las dos escuelas publicas que existen en este Distrito, habiendo formado un juicio favorable de la educación y enseñanza en las referidas escuelas, y que, yá por los largos años que la Maestra Dª Segunda Ulloa lleva dedicándose a la enseñanza en este Distrito; yá por la buena organización que el nuevo profesor D. Manuel Formoso Lamas, ofrecen sus escuelas…”

Sendo particularmente eloxioso o informe de inspección coa de nenos:.”…La inspección no puede menos de consignar la acertada organización de esta escuela, los buenos resultados que en la misma ofrece la educación y enseñanza, y á continuar así no dude este celoso maestro que la  Inspección y las Autoridades todas habrán de premiar sus esfuerzos en pró de la educación é instrucción de sus discípulos”.

MaestroChantada
O ilustre mestre D. Manuel Formoso Lamas cos seus alumnos.

E en desexo da Inspección de que os coñecementos da agricultura se amplien debidamente á vista dos traballos e labores do campo, aconsellou a este profesor que nas tardes dos xoves, en que o tempo o permita, “ensaye excursiones agrícolas por las inmediaciones de la villa, haciéndose acompañar de sus discípulos más aventajados…”

Nun posterior informe sobre o estado da escola elaborado o 21 de Xuño de 1890 con motivo da visita anual do Inspector Don Tomás de la Concha – os mestres debían ter preparada devandito informe sobre o estado da súa escola para cando chegase a visita do inspector -, sinalábase que a escola se achaba situada no único piso dun local propio do municipio e que a casa do mestre atopábase separada e alugada; que a escola contaba cos mobles e medios materiais habituais; que o programa de ensino abranguía as materias de doutrina cristiá, historia sacra, lectura, escritura, gramática, aritmética, agricultura e xeografía; o número de alumnos era de 161, todos eles co ensino gratuíto. O sistema de ensino adoptado polo mestre para rexer unha escola co número de asistentes tan considerable era o sistema mixto -o mestre encargábase de instruír sucesivamente ás distintas seccións-. A idade e estado do mestre era entón de 39 anos, casado, co título elemental e feitos os estudos de superior, con dez anos e 11 meses de servizo no Maxisterio .

O informe final do inspector non puido ser máis satisfactorio: “Visita ordinaria general de 1889-90.- En la que he practicado hoy cerca de esta Escuela pública elemental completa de niños, dirigida por D. Manuel Formoso Lamas, recogí magníficas impresiones, respecto al celo, actividad y pericia de este Profesor y también formé satisfactorio concepto de los resultados generales, que en punto á educación y enseñanza viene produciendo el Establecimiento á su cargo…Y para que le sirva de mayor estímulo y de mérito en su espinoso cargo doy la presente en Chantada á 21 de Junio de 1890”.

Don Manuel era natural de Arzúa e impartira ensino en Pontedeume e Chantada. Faleceu na localidade de Almansa (Albacete) en 1913. Tiña 62 anos de idade e seguíase adicando ao ensino.

 

 

Anuncio publicitario
A %d blogueros les gusta esto: