As Festas do Carmen de 1935

14-9-2023

Pasaron as festas de Chantada deste ano 2023 e con elas a ilusión que provoca nos chantadinos tal acontecemento.

A importancia que os nosos paisanos dan ás súas festas manifestábase xa no magnífico programa das celebradas o ano 1935, recollido por o diario Alborada, onde xa ocupaban un lugar destacado o folión de carros coa representación dos oficios do país, as bandas de música, os fogos artificiais, a iluminación eléctrica, os actos relixiosos en honra da patroa da vila etc.

Acompañaban ao programa de festas –suponse que dirixido aos visitantes forasteiros- unha ampla información con datos sociais e económicos, como a relación das sociedades de recreo existentes e outros datos estatísticos cos que autor da reportaxe fai unha distribución moi curiosa ao prorratear os 2126 habitantes da vila por cada tipo de establecemento comercial sen ter en conta os 16000 habitantes do municipio coma se, por exemplo, os veciños aldeáns non tivesemos necesidade de acudir á farmacia ou ao zapateiro, e sinalando, por último, o barrio «del Puente » -descoñecemos se se trata do barrio do Convento ou o da nova estrada de Ourense- como o máis industrioso da vila naquel tempo.