A DEPURACIÓN FRANQUISTA DO MAXISTERIO. INTENTO DE DEPURACIÓN DO MEU TÍO JESÚS POR «GALLEGUISTA»

28-11-2023

O proceso de depuración do maxisterio español iniciouse ao comezo da guerra civil, aínda que non foi legalmente establecido ata a publicación do Decreto do 8-11-1936.

A depuración xa comezara antes polas autoridades militares, pero o Decreto 66, de 8-11-1936 (BOE núm. 27 de 11-11-1936, páx 53), regulou formalmente a depuración do persoal docente.

A chamada “Comisión D” encargábase da depuración de todo o persoal do Maxisterio en cada provincia:

“Integrada por un Director de Instituto de 2.a Enseñanza, un Inspector de 1.a Enseñanza, el Presidente de la Asociación de padres de familia y dos personas de máximo arraigo y solvencia moral y técnica. Esta Comisión se constituirá también en cada provincia, teniendo como misión principal la de formular propuestas razonadas de suspensión o separación del personal de magisterio con destino en el territorio de su jurisdicción… FRANCISCO FRANCO”

A represión afectou a todas as administracións, aínda que a máis dura foi contra os mestres nacionais, moitos deles asasinados. A finalidade da depuración era acabar coa obra da República (laicismo, coeducación) e substituíla por unha educación nacionalista española e ultracatólica.

No Arquivo Xeral da Administración de Alcalá de Henares (Madrid) atópanse moitos dos expedientes sinalados, entre eles os do meu pai Manuel e o meu tío Jesús Lamazares Guerra (que aquí se expón a título de exemplo), que finalmente foron confirmados nos seus cargos.

EXPEDIENTE 24500 JESUS LAMAZARES GUERRA. MESTRE DE VILELA (LUGO)

Neste caso presentáronse informes do alcalde, guardia civil e o representante dos pais de familia. Obedecían a un modelo previamente establecido, onde se debían cumprimentar detalles como: número de fillos, id. bautizados, relixión, asistía a misa, asistía a súa familia a misa, facía ostentación e propaganda de ideas esquerdistas, asistía a reunións, de que clase, horas que dedicaba á Escola, levaba a ela ideas perturbadoras, cal foi a súa conduta en clases de adultos, cantouse a Internacional, cantas veces, saudaban co puño, estivo afiliado a algún partido político (Dereitas, Frente Popular, Galeguista ou outro), pertencía a algunha sociedade (Rotario, Masón), etc. etc.

O desenvolvemento temporal do expediente foi o seguinte:

31-12 1936 Informe confidencial do Alcalde de Taboada.

10-1-1937 Informe confidencial do pai de familia Don Manuel Abelairas, indicado para Vilela (Sr. Manuel Abelairas). Favorable.

16-1-1937 Informe confidencial Guardia Civil de Taboada. Favorable.

16-7-1937 Novo informe confidencial de Don Manuel Abelairas, pai de familia. Favorable.

16-8-1937, PREGO DE CARGOS acusándolle QUE ESTIVO AFILIADO AO PARTIDO GALEGUISTA, dándolle un o prazo de DEZ DIAS para contestar.

18-10-1937 PREGO DE DESCARGOS (descoñecemos o motivo do atraso na contestación). Resumo:

• «Estiven afiliado á agrupación galeguista de Taboada só un mes.»

• «Pareceume o menos político dos partidos.»

• «Convencéronme porque estaba á fronte do mesmo o Inspector de 1º Ensino da zona 4ª (Chantada). «

• «Eu non era nin fun galeguista.»

• «Non asistín a reunións do devandito grupo. «

• «Tampouco me dediquei a facer manifestacións de propaganda galeguista.»

19-11-1937 Ficha-Resumen da Comisión Depuradora do Maxisterio de Lugo: católico, galeguista, cumpre ben. Propón SEXA TRASLADADO.

18-11-1939 Informe do Asesor: Non ha lugar ao castigo imposto pola Comisión: CONFIRMACION NO SEU CARGO.

25-11-1939 Informe da Comisión Superior Dictaminadora de Expedientes de Depuración (*) propoñendo a CONFIRMACION NO seu CARGO.

(*) Desde 1939 ata 1942 foi esta Comisión quen resolvía os expedientes de depuración, cunha atenuación das sancións iniciais debido a unha maior valoración dos escritos de descargo e os avais presentados.